domingo, 16 de diciembre de 2018

Dosier tema 6: As programacións didácticas vixentes


Benvidos a todos e todas a unha nova entrada!

Nesta entrada trataranse as actividades e tarefas que se fixeron na aula para o tema 6, o cal lidia coas programacións didácticas. En primeiro lugar, como actividade introdutoria a este tema fixemos unha actividade en pirámide. Neste actividade, por grupos, falamos sobre as partes máis importantes nunha programación. Cando todos os grupos terminamos de conversar sobre as partes máis importantes dunha programación, compartimos esa información con toda a clase. Como cada persoa ten unha opinión diferente, é de moita utilidade e axuda que compartamos uns cos outros as nosas opinións sobre cales son as partes máis importantes.







Todos os compañeiros e compañeiras podemos aportar novas visións e perspectivas sobre as partes máis importantes que debe ter unha programación. Así mesmo, o profesor ampliou a información que nós dixemos. Neste caso dixo que as partes fundamentais deben ser as que poden ser modificadas polo profesor, xa que este é unha parte esencial no proceso de aprendizaxe e pode facer que esta sexa moito máis axeitada ó alumnado ó que se está impartindo a docencia. Polo tanto, as partes que poden ser modificadas polo docente serían a metodoloxía, os estándares de aprendizaxe, a avaliación e os instrumentos de avaliación. Con respecto a estes últimos, os docentes teñen a posibilidade de que non sexan simplemente probas escritas as cales son aprobadas mediante a memorización. Deste xeito estanse perpetuando instrumentos obsoletos. Pola contra, deberíanse dar tamén importancia a maneiras de avaliar máis innovadoras que incentiven e motiven a aprendizaxe nos e nas estudantes.

Para este tema fixemos unha actividade na cal tiñamos que buscar por grupo a páxina dun instituto, procurar a súa programación de linguas estranxeiras e logo, nunha presentación, recoller os apartados que consideramos importantes, describilos e reunir aspectos que chamaran a nosa atención. Persoalmente ver exemplos, neste caso dunha programación, axúdame moito a entender os contidos das aulas e polo tanto a saber facer unha eu tamén. Grazas ós exemplos podemos crearnos unha idea de cómo facer unha programación didáctica e non andar cun gran número de dúbidas. Na miña experiencia como alumno tiven moitos profesores que cando explicaban a lección só daban importancia á teoría e ó rematala non a exemplificaba, polo que eu moitas veces non entendía o que quería dicir. Sempre pediámoslle ó profesor ou profesora que puxera un exemplo para así entender a explicación mellor. Unha vez posto o exemplo comprendíamos moito mellor. Esta era unha situación moi habitual nas materias de idiomas xa que en moitas ocasións unha estrutura gramatical, por exemplo, enténdese moito mellor se é exemplificada. Ó que respecta á presentación para poñer os contidos da programación, o meu grupo fixo a tarefa conxuntamente, limos e logo extraemos a información conxuntamente tamén. Neste caso como era moita información optamos por facer a tarefa deste xeito e así do que un non se decataba decatábase o compañeiro.

Ademais, fomos os mesmos alumnos e alumnas os que avaliamos a presentacións dos demais compañeiros e compañeiras. Fixemos esta avaliación a través dunha rúbrica. Este rúbrica foi analizada na clase en grupos de dous co fin de observala e analizar se engadiríamos algún aspecto máis a analizar ou non. Penso que este análise da rúbrica foi positivo xa que tivemos a oportunidade de ver como se fai unha rúbrica e qué elementos debe conter, neste caso, dunha presentación. Persoalmente creo que as rúbricas son unha moi boa opción para avaliar xa que o alumnado pode ter en mente á hora de facer o traballo qué elementos van ser tidos en conta para a cualificación. Así, para poder avaliar a contido das demais presentacións primeiramente foron proxectadas na pizarra. Despois de cada traballo, os demais grupos tiñan que apuntar as súas cualificacións tendo en conta os parámetros que contiña a rúbrica previamente creada. Con todo, esta actividade resultou útil mais como foi feita cun programa que era a primeira vez que era usado polo noso grupo, constounos un pouco entender como funcionaba. Amais, eta actividade axudoume a ter unha idea máis clara de cómo é unha programación e a entender mellor a coevaluación. Creo que este tipo de avaliación axuda moito ó alumnado a aprender e afianzar coñecementos, xa que teñen que observar os traballos dos demais para despois avalialos. Esta observación axúdalles a darse de conta dos erros que cometeron eles mesmos e tamén dos erros que cometeron os seus compañeiros para así non volvelos a cometer. Un tempo máis tarde, na mesma clase fixemos outra actividade usando a aplicación Screnncast, aplicación que serve para grabar a pantalla mentres se fala. É necesario presentar todo este tipo de aplicacións, e en especial ó alumnado de inglés, nos institutos xa que grazas a elas poden grabarse mentres leen, practican a presentación e así corrixir as súas faltas e equivocacións.

Finalmente, penso que con este tipo de actividades estamos aprendendo a avaliar e puntuar as actividades, exercicios, exames, etc. do noso futuro alumnado. Estamos aprendendo a facer unha rúbrica, instrumento que vai resultar moi útil na nosa futura actividade como docentes e estamos descubrindo novas aplicacións as cales poden ser incorporadas nas nosas clases de inglés. Pouco a pouco estamos gañando máis ferramentas para a nosa labor como profesores e profesoras. 

Ata a próxima entrada!

No hay comentarios:

Publicar un comentario