Mostrando entradas con la etiqueta Didáctica Gonzalo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Didáctica Gonzalo. Mostrar todas las entradas

sábado, 9 de febrero de 2019

Didáctica - Situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras


Ola a todos e todas!

Neste entrada de blog vou tratar os contidos e actividades pertencentes o primeiro tema da materia: ‘Situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras: contextos de adquisición e uso, repertorio lingüístico, a lingua estranxeira a idades precoces’. Comezamos a clase falando dos diagramas de Venn. Este tipo de diagramas teñen varias variantes mais a que utilizamos nós na clase para a primeira tarefa foi a seguinte: debuxar dous círculos sobrelapándose un no outro para así conseguir un espazo no medio. Polo tanto, había tres lugares onde se podía escribir información relativa á tarefa. Esta trataba de escribir dentro dos círculos aqueles aspectos propios da lingua materna, aqueles da lingua estranxeira e finalmente aquelas características que comparten tanto a lingua propia como a lingua que se está a adquirir. Usamos este tipo de actividade como modo de introducir  o primeiro tema, e os diagramas de Venn foron moi útiles para ese propósito. Ó ir escribindo nos tres círculos as características era moito máis fácil pensar na actividade. Ademais, despois compartimos con toda a clase o que escribiu cada un no seu grupo, polo que todos puidemos ampliar o que puxemos grazas ós comentarios dos demais.



Outra actividade que realizamos centrábase en responder dous preguntas sobre o uso das linguas en diferentes situacións. Ó noso grupo tocoulle responder ás seguintes preguntas: ‘Citroen ten trece fábricas en sete países diferentes. Que linguas falarían?’ e ‘Nunha feira de tecnoloxía dixital reúnense comerciais de seis compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e España. En que lingua falarían? As nosas preguntas foron que no primeiro caso falaríase francés (xa que é unha empresa francesa) e inglés (como lingua franca) e na segunda situación usaríase francés debido a que a maioría dos países son de fala francesa. O profesor apuntou que tamén poderíase falar en inglés debido a presenza dunha empresa española. Ademais, os demais grupos tamén fixeron o mesmo proceso mais con preguntas diferentes, o que enriqueceu moito a actividade xa que todo o alumnado da clase puido aprender novos datos das situacións grazas ó traballo conxunto do alumnado e o profesor. Amais, debido a un concepto que tratamos na clase, as diferentes didáctivas de aprendizaxe, fixemos unha actividade sobre iso. Existen a didáctica da lingua inicial, da lingua segunda, da lingua estranxeira, blended, de lingua para fins específicos, etc. e dependendo do contexto é máis recomendable usar unha ou outra. E isto precisamente era o que había que facer para a actividade, relacionar un tipo de didáctica coas situacións propostas na tarefa (clase de lingua estranxeiras, colexio plurilingüe, etc.). Esta actividade tamén resultou de gran axuda xa que posteriormente a súa finalización discutimos en conxunto na clase o motivo de por qué un tipo de didáctica vai cunha situación en concreto. Nalgúns casos, nunha mesma situación podíanse levar a cabo varios tipos de didáctica.

Outra actividade que se realizou foi a comparación nun libro de texto as segunites características: produción, recepción, léxico, gramática, fonética e pronuncia. Primeiramente, en grupos de cinco, tivemos que buscar na nosa elección de libro de texto as anteriormente citados aspectos. Unha vez que completamos a información pertinente comentámola co noso grupo. Posteriormente, agrupámonos as persoas que buscamos sobre os mesmos aspectos (léxico no meu caso). Este último paso pareceume moi interesante xa que tivemos a oportunidade de observar como eran diferentes libros de textos e como estes trataban os aspectos da lingua.

No que respecta ó contido deste tema, un dos aspectos que máis me chamaron a atención era que unha vez que se aprende unha lingua estranxeira profundamente xa se controla o seu espazo temporal, e por conseguinte xa non se necesita ter a lingua materna como apoio. O falante xa usa o vocabulario, as expresións, as estruturas gramaticais, etc. necesarias para cada momento sen ter que pensalas primeiro na súa lingua estranxeira. Isto é totalmente certo e cando un está aprendendo unha lingua estranxeira pode sentilo. Aparte do español e galego falo fluidamente o inglés. Cando levaba pouco tempo estudando esta lingua estranxeira, como non tiña o suficiente nivel, tiña a necesidade de estar comparando o que dicía coa miña primeira lingua. Sen embargo, cando xa fun gañando nivel e, sobre todo, cando fun a estudar ó estranxeiro xa non o necesitaba facer debido a que xa usaba as estruturas da lingua inglesa instantaneamente. Outro tema que tratamos era a lingua primeira, a lingua segunda e a lingua estranxeira. A lingua segunda pode dar lugar a confusión xa que en inglés e en galego non é o mesmo. No caso do galego ou castelán, a segunda lingua refírese a aquela á que unha persoa ten acceso directo no lugar onde vive. No caso de Galicia, dependendo da situación, o galego ou o castelán poden ser a primeira ou a segunda lingua. Moita xente ten o galego como segunda lingua xa que esta á usada para cuestións administrativas ou no ámbito escolar mais nos aspectos restantes o castelán é a lingua que impera. Isto lévame a falar de que cada vez o galego ten menos falantes e esta perda de usuarios da lingua podería traer consecuencias moi negativas para o idioma. De feito, hai unha gran cantidade de noticias coas que se pode evidenciar que cada vez é unha lingua menos usada.



Ó mesmo tempo falamos do uso das linguas. Tratamos a lingua habitual, que é a que é usada na maioría dos contextos educativos, a lingua de traballo e a lingua vehicular, que é o idioma que permite a comunicación de dous ou máis falantes de procedencias diferentes. Nesta última situación en moitos casos é o inglés. Por exemplo, cando estiven de Erasmus era ese o idioma que se usaba para a comunicación entre os estudantes de diferentes nacionalidades que non compartían a mesma lingua. No caso da lingua habitual, persoalmente, teño dous: o castelán e o galego, as cales son usadas dependendo da situación e do meu interlocutor. Tamén vimos as distintas etapas dunha lingua estranxeira: etapa ideal, gloriosa, crítica, soleira fatídica e idade adulta. Uns dos aspectos que máis me chamou a atención é que na etapa ideal (de 0 a 12 meses) os bebés son capaces de distinguir unha gran cantidade de sons. Eu pensaba que isto non era así e que empezarían a distinguilos tempo máis tarde. Outro dato interesante foi que na etapa crítica (de 7 a 9) empeza a reorganización cognitiva e polo tanto empeza a formarse o concepto de gramática. Deste xeito, non ten sentido ensinar ós nenos menores a esa idade regras gramaticais. Amais, outra peculiaridade que me gustou moito saber foi a seguinte distinción: linguas glutinantes e linguas analíticas. As primeiras son aqueles idiomas que presentas palabras máis longas, marcas flexionais e otorgan moita importancia á morfoloxía, como no caso do alemán. Na segunda categoría entrarían as linguas que conteñen palabras máis curtas, máis preposicións e determinantes e dan importancia á sintaxe, como sería o caso do inglés. Finalmente, tanto os contidos como as actividades realizadas nesta parte do temario resultaron moi adecuadas para gañar coñecementos de cara a nosa futura labor como docentes.

Moitas grazas!