martes, 12 de febrero de 2019

Didáctica - Medidas de atención á diversidade, auxiliar de conversación, metodoloxía CLIL, titoría e lifeskills


Ola a todos e todas!

Nesta entrada de blog vou tratar os contidos pertencentes ó tema de medidas de atención á diversidade, auxiliar de conversación, metodoloxía CLIL, titoría e lifeskills.

Empezamos a clase falando da tutoría, aspecto moi ligado e importante na docencia. Un aspecto que me parece moi importante e que é un erro moi común que se pode observar nas horas de titoría é que esta está dedicada á materia do profesor que é tutor. Isto non debería ser así xa que a hora de titoría ten que estar reservada para tratar temas transversais e habilidades para a vida. A adolescencia é unha etapa crucial para a vida xa que é aí cando un rapaz ou rapaza adopta moitas ideas, costumes, etc. Polo tanto, é unha etapa ideal para formar ó estudantado en temas tan importantes como poden ser a diversidade, a atención á mesma ou a educación sexual. Estes temas son de vital relevancia para a vida para evitar o racismo, a discriminación, a xenofobia, as enfermidades de transmisión sexual, etc. O titor tamén trata as habilidades para a vida e o autocoñecemento. Afondar no que un é bon é moi importante así como saber os nosos puntos débiles para atacalos e facelos máis fortes. Unha habilidade que me parece de vital importancia son a empatía xa que todos debemos entender ós demais, vernos na súa situación e axudalos. Outra é á relativa ás relacións sociais. Non sempre as nosas vidas van estar cheas de xente que aporta cousas positivas e por iso é moi relevante saber como acabar con ese tipo de relacións así como saber crear novas cando queiramos facer novos amigos porque nos mudamos, no noso traballo, etc. Tamén a toma de decisións resulta relevante para a vida en calquera etapa. Persoalmente ás veces cústame elixir sobre certos temas mais non se pode pospoñer debido a que nalgún momento hai que afrontar esa elección. Por iso é tan importante saber tomar correctamente as decisións na nosa vida.



Outro tema que é de gran utilidade para levar a cabo na hora de titoría é as estratexias de estudo. Persoalmente, toda a miña etapa educativa no instituto estudei ‘chapando’. Aprendíame toda a teoría para o exame, soltábaa e despois do mesmo xa non me acordaba de nada. Era un modo de estuda completamente ineficaz para o meu coñecemento xa que esquecía todo o que memorizaba. Desgraciadamente eu non era a única persoa que estaba nesta situación. Na miña etapa educativa nunca tratamos na clase ningún tipo de maneira de estudo e é por iso que foi anos máis tarde (concretamente na época universitaria) cando descubrín que era moito máis útil reproducir o estudado coas miñas palabras.

Outra tarefa que forma parte da labor do titor é a de levar a avaliación do curso. É o/a encargado/a de preguntar que tal van os alumnos noutras materias, a súa evolución, se soben a nota ou a baixan, etc. Así, cando un pai ou nai solicite unha titoría, o docente terá toda a información preparada para transmitirlla ós pais. Ó mesmo tempo, nos casos nos que algún estudante necesite axuda, o titor ou titora terá que poñerse en contacto con orientación para que lle axude a solventalo. En orientación poden axudarlle a como facer un exame, como explicar a lección a ese rapaz ou rapaza, etc.  Tamén é certo que non hai suficiente número de orientadores en cada centro e ás veces hai algúns problemas que quedan pouco atendidos. Isto non debería ser así xa que todo o alumnado é igual de importante e, polo tanto, o número de orientadores debería ser o suficiente para que todos os alumnos que o necesiten estean ben atendidos.

Por outra banda encontramos as medidas de atención á diversidade, algo tan importante para que ninguén quede sen ter a oportunidade de recibir unha educación. As medidas que se poden tomar poden ser ordinarias, cando non hai unha gran alteración do currículo, ou extraordinaria, no caso de que si se teña que facer. Eu creo que se teñen que facer as modificacións necesarias en cada caso para que todo o alumnado poida ter unha educación adecuada. En todos os centros debería haber máis recursos para que se puidesen axudar a todos os casos no que se precisase algún tipo de axuda, xa fose por dificultades de aprendizaxe, altas capacidades, etc. Un aspecto tratado no tema que descoñecía foi a opción de PMAR que consta de dous cursos académicos. Con respecto os seus obxectivos, creo que estes son moi positivos xa que prentenden evitar o absentismo, o abandono escolar temperá para que así todo o mundo poida ter o título da ESO.

Por outra banda, os programas de auxiliar de conversación son de gran utilidade para gañar experiencia no mundo do ensino á vez que se perfecciona unha lingua. Creo que todo o mundo que teña unha oportunidade debería solicitar este tipo de programas. Persoalmente soliciteino para o ano que ven e teño moitas ganas de que mo concedan. Ter un auxiliar de conversación resulta moi interesante e motivador para os estudantes xa que poden practicar a lingua cunha persoa nativa e iso é sempre moi atractivo. Eu cando estaba no instituto tivéramos un auxiliar de conversación e a maioría do alumnado soltábase máis a falar e a intervir. Ó mesmo tempo o auxiliar non só está para a práctica oral senón que tamén pode tratar temas da cultura do seu país de orixe. Deste xeito acontece un intercambio cultural na aula moi enriquecedor para o estudantado. Así, o auxiliar tamén axuda á planificación das clases mais sempre coa supervisión do/a docente titular xa que o auxiliar non se pode deixar so en ningún momento. Outra cousa que ten que ter en mente o auxiliar é que a hora de falar ten que baixar a velocidade e pronunciar máis claro. Isto é debido a que non está falando con nativos do seu idioma e ás veces pode resultar difícil entendelo. Cando tivemos o auxiliar na miña clase, ás veces falaba un pouco rápido  o profesor titular tiña que dicirlle que falase máis a modo xa que non lle entendíamos.

Outro aspecto que era descoñecido antes de entrar ó máster era a metodoloxía AICLE. Esta metodoloxía é un enfoque educativo o cal utiliza un idioma adicional para a ensinanza e aprendizaxe. O docente imparte a clase na lingua estranxeira e non na lingua nativa do alumno. Este metodoloxía, na miña opinión, é moi chamativa xa que busca unha relación coa sociedade na que viven e non reproduce unha teoría co único fin de aprobar un exame. Tamén atende á diversidade e ós diferentes ritmos de aprendizaxe, algo de vital importancia xa que as clases non son para nada homoxéneas. A hora de dar unha clase, como é nunha lingua estranxeira, hai que asegurarse de que o alumnado entenda o vocabulario para así entender as explicacións. Polo tanto é moi importante introducilo primeiro para que o alumnado se familiariza con el. Ó mesmo tempo, e sobre todo nos niveis máis baixos, pode mesturarse o idioma nativo co idioma estranxeiro para que resulte máis fácil de seguir a clase. Non importan os erros que se poidan cometer, senón que o máis importante é que a xente fale e poña en práctica a lingua. Outra cousa a ter en conta é que hai que ter expectativas realistas. Non se pode esixir algo que non se adecúe ó nivel do alumnado xa que están a aprender unha materia nova nunha lingua que non é a deles. 
      
Con respecto as actividades, a primeira que fixemos foi en grupo (fíxena con Sara Otero e Manuel Bea). Aínda que a titoría non está destinada a dar clase, si que se poden tratar temas culturais das linguas estranxeiras, e disto trataba a actividade: fomentar a LE. Nos escollemos unha actividade que pensamos que funcionaría moi ben. A tarefa tería lugar no día do libro e consistiría en relacionar a literatura inglesa (Shakespeare), española (Lope de Vega) e galega (Rosalía de Castro) con outras disciplinas. Cada autor dará pé a que se fale dun tema transversal. No caso do autor inglés usarase a obra de Romeo e Julieta e falarase do amor, relacións tóxicas, etc. No de Lope de Vega emplearase Fuenteovejuna para falar da unión do pobo e por último, coa autora galega e a súa obra Cantares Gallegos, pretenderas tratar o tema da inmigración e preservación das culturas e pobos. Esta actividade resultou de moita utilidade xa que puidemos poñer en práctica unha posible actividade para a hora de titoría no caso de que nun futuro sexamos titores.

Outra actividade que pareceume moi interesante foi na que se trataron as siglas relativas á atención á diversidade. É moi necesario sabelas xa que son de uso común nos centros educativos. Algunhas xa as coñecía como é o caso de DA (Déficit de Atención) mais outras eran totalmente descoñecidas como PGS (Programa de Garantía Social) ou ATE (Auxiliar Técnico Educativo).

A actividade sobre a metodoloxía AICLE, feita con Sara Otero e Manuel Bea, foi de gran axuda para entender e profundizar máis neste enfoque. Para esta actividade tivemos que crear unha actividade para as 5 Cs (Comunidade, Contido, Comunicación, Cognición, Competencias). Como é unha metodoloxía interdisciplinar, o mesmo aspecto pódese tratar desde as distintas materias, e nós eliximos tratar o sol desde a materia de bioloxía. Polo tanto, a actividade creada tratará as 5 Cs previamente citadas. Na Comunidade tratará sobre o papel do sol na vida humana, animal e vexetal; no Contido os procesos biolóxicos que suceden grazas ó sol, a adquisición de vitaminas ou a enerxía que proporcionan (tamén máquinas que se usan para almacenala); na Comunicación centrarase principalmente no presente simple xa que son feitos constatables na natureza; na Cognición levarase a cabo, entre outras, escribir, identificar, explicar, xustificar, comparar, etc.; e finalmente nas Competencias, o alumnado será capaz de describir e entender os beneficios da luz solar e os procesos que ocorren grazas a ela. Nesta actividade tamén se tivo que incluír ó auxiliar de conversación e, aproveitando que era de California, fixo una presentación de que e como se usan os paneis solares.    
Finalmente, este tema resultou ser moi útil para gañar coñecementos relativos á labor dun titor, a saber máis sobre un auxiliar de conversación e á metodoloxía CLIL os cales van ser moi útiles na nosa labor coma docentes.

Moitas grazas!

8 comentarios:

  1. Ola Miguel, deixoche o meu comentario cortado en dous anacos, xa que por cuestións de formato da estrutura dos comentarios non o podo facer nun único, así que ahí vai....

    Felicidades pola entrada! Recolles moi ben a totalidade dos contidos do curso dunha maneira breve e sinxela que invita a lectura. Ademais, o feito de que partillaras todas estas experiencias persoais e exemplos, creo que enriquecen moito as túas reflexións. Seguindo a túa mesma liña, gustaríame compartir contigo, as miñas opinións, reflexións e experiencias:

    No referente á titoría, creo que resumes á perfección os puntos mais salientables. É unha verdadeira mágoa, que estas horas non se empreguen como se deben, pois por exemplo, a miña experiencia foi moi diferente do que agora expoñemos. Nunca tratamos temas transversais, técnicas de estudo nin ningún outro elemento. Na maioría das ocasións limitábanos a estudar, saír o patio, facer algún xogo, ou impartir clase da materia que do titor. Por iso, estou moi de acordo coa túa reflexión, e tamén coa idea que presentas ao dicir que sí que se deberían tratar os temas propios desta hora tendo en conta que e unha etapa crucial para o alumnado. Como ben vimos en psicoloxía, nesta etapa o alumno inda está formando a súa identidade e a súa moral, e creo que o tratamento destes temas pode ser un excelente xeito para axudarlles a acadar a súa moral de logro e unha identidade que non se limite a identidade hipotecada que adoitan ter nestas etapas. Ademais, creo que moitos dos alumnos non teñen a oportunidade de tratar estes temas fóra das aulas, ninguén lles falará na maioría de certos temas que se tratan, e considero que calquera outro método de obtención de información que empreguen para buscar información ao respecto pode levar ao alumnado a erros e falsas informacións.

    Así mesmo, como ti ben dis, nestas horas deberían traballarse as habilidades psicosociais, e se ben creo que agora estas empezan a ter máis protagonismo, creo que estiveron desterradas ata a data. No meu caso, participei no programa MEET mentoring da Universidade de Vigo e aquí tratamos todos estes temas, e verdadeiramente creo que as miñas habilidades sociais melloraron dun xeito salientable, cos seus conseguintes beneficios, de modo que son moi partidaria de que se introduzan estes temas na aula. Ademais, creo que o seu tratamento pode ser moi divertido, e non ten que limitarse a esfera teórica. Nesta mesma formación, tamén tratamos as estratexias de estudo. Porén, para nos, xa alumnado universitario, este tema quedou un pouco no baleiro, pois tras a nosa bagaxe estudantil, que se limita ao que
    ti comentas, estas foron moi dificiles de aplicar. Por iso, creo fundamental o tratamento deste tema nas aulas, especialmente en relación cas intelixencias múltiples de Gadner.

    ResponderEliminar

  2. No referente á atención á diversidade, só me gustaría mencionar, que o seu tratamento me pareceu moi interesante, pois creo que para nos continua sendo o gran descoñecido e non temos moi claro como afrontalo, e por suposto estou totalmente de acordo contigo na túa referencia aos orientadores. Non podemos limitar a calidade da educación a factores económicos. Se as nosas leis promulgan unha educación de calidade, equitativa e igualitaria, o tratamento da atención a diversidade é un piar fundamental ao respecto

    Por último, gustaríame mencionar que me parece moi interesante a actividade que propondes para AICLE e gustaríame tamén desexarte sorte na túa experiencia como auxiliar, espero que che dean esta beca, porque o certo e que eu tiven a oportunidade de vivir esta experiencia o ano pasado, e como ti ben dis foi verdadeiramente enriquecedora, non só para o meu alumnado que coñeceu a lingua española e a súa cultura aloxada de estereotipos, se non que para min tamén, pois tiven a oportunidade de mergullarme na cultura e lingua a través da miña propia experiencia e a través dos meus alumnos. Inda así creo que é importante destacar a idea de que o auxiliar non e un profesor e que este non pode quedar so na aula, pois no meu caso isto repetiuse en diferentes ocasións e naquel momento non tiña demasiadas ferramentas para afrontar un aula, creo que neste sentido o mestrado vaiche axudar a afrontar esta experiencia.

    Un saúdo,

    Yaiza Canedo Alonso

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas polo teu comentario tan detallado Yaiza,
      Un saúdo,
      Úrsula.

      Eliminar
  3. Grazas polo teu comentario Sara,
    Un saúdo,
    Úrsula.

    ResponderEliminar
  4. Boas Miguel!

    En primeiro lugar, gustaríame agradecerche a dedicación que sempre lle das a todas as túas entradas! Pode verse no longas e informativas que son sempre, ademáis de interesantes.
    En canto aos contidos e actividades que mencionas nesta en particular, gustaríame comentarche dúas cousas:
    En primeiro lugar, gustoume moito ver o teu enfoque sobre a metodoloxía CLIL/AICLE. Penso que, como dis na entrada, pode ser una moi boa forma de mellorar as capacidades do alumnado na lingua estranxeira, ademáis de dar os contidos da propia materia. En canto á actividade, gustoume ver a idea final que pensaches xunto a Manuel e a Sara xa que, sentándome ao teu lado, puiden ver o inicio da creación da mesma.
    Por último, pareceume moi interesante ler sobre as túas ideas sobre os auxiliares de conversación. Penso coma ti, calquera persoa que poida debería solicitar este tipo de programas (como fixemos ti e eu este ano e o anterior). Pola contra, nunca puiden experimentar un nas miñas clases, pero teño a certeza de que o alumnado está moito máis motivado a falar tendo a un na clase.
    Ata a próxima!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Hola Juan,

      Como ves has escrito en el blog, después de que yo ya hubiese anotado los comentarios que tenía.

      Un saludo,
      Úrsula.

      Eliminar
    2. Te computa igual, por si quedaba alguna duda

      Eliminar
  5. Ola Miguel,

    Moitas grazas pola túa contribución na entrada e as túas ideas.

    A continuación fago algúns comentarios:

    Falta a tarefa 2 da sesión 1 que fixemos en clase: Que tarefas son mellores para PMAR? E tamén a tarefa 1 da sesión 2: as actividades que pensáchedes en grupos para os auxiliares de conversa.

    Gústame moito a actividade que deseñastedes para a titoría. Imaxino que lle pediríades aos profesores das diferentes material que traballasen tamén os libros na aula por se non os coñecesen. Por outra banda, igual poderíades tamén engadir a un autor de lingua francesa (haberá alumnado que teña francés coma segunda lingua estranxeira) ou nas outras linguas que se estuden no centro. Esta sería unha forma de inclusión.

    No relativo a actividade das 5Cs nunha lección CLIL, creo que a que propós é moi interesante. Pero non especificaches o nivel/curso. É imprescindible sempre saber para que curso son as actividades. Ademais no apartado de cognición comentas que se farán comparacións, polo que igual no apartado de comunicación deberiamos ter tamén as comparativas.

    Gústame moito que engadises os teu punto de vista ao resumo das clases e non te quedases nun mero resumo dos puntos expostos en clase.

    Grazas polo traballo e as túas ideas,
    Un saúdo,
    Úrsula.

    ResponderEliminar