Ola a todos e todas!
Nesta entrada de blog vou tratar os contidos pertencentes ó tema de medidas
de atención á diversidade, auxiliar de conversación, metodoloxía CLIL, titoría
e lifeskills.
Empezamos a clase falando da tutoría, aspecto moi ligado e importante na
docencia. Un aspecto que me parece moi importante e que é un erro moi común que
se pode observar nas horas de titoría é que esta está dedicada á materia do
profesor que é tutor. Isto non debería ser así xa que a hora de titoría ten que
estar reservada para tratar temas transversais e habilidades para a vida. A
adolescencia é unha etapa crucial para a vida xa que é aí cando un rapaz ou
rapaza adopta moitas ideas, costumes, etc. Polo tanto, é unha etapa ideal para
formar ó estudantado en temas tan importantes como poden ser a diversidade, a
atención á mesma ou a educación sexual. Estes temas son de vital relevancia
para a vida para evitar o racismo, a discriminación, a xenofobia, as
enfermidades de transmisión sexual, etc. O titor tamén trata as habilidades
para a vida e o autocoñecemento. Afondar no que un é bon é moi importante así
como saber os nosos puntos débiles para atacalos e facelos máis fortes. Unha
habilidade que me parece de vital importancia son a empatía xa que todos
debemos entender ós demais, vernos na súa situación e axudalos. Outra é á
relativa ás relacións sociais. Non sempre as nosas vidas van estar cheas de
xente que aporta cousas positivas e por iso é moi relevante saber como acabar
con ese tipo de relacións así como saber crear novas cando queiramos facer
novos amigos porque nos mudamos, no noso traballo, etc. Tamén a toma de
decisións resulta relevante para a vida en calquera etapa. Persoalmente ás
veces cústame elixir sobre certos temas mais non se pode pospoñer debido a que
nalgún momento hai que afrontar esa elección. Por iso é tan importante saber
tomar correctamente as decisións na nosa vida.

Outro tema que é de gran utilidade para levar a cabo na hora de titoría é
as estratexias de estudo. Persoalmente, toda a miña etapa educativa no instituto
estudei ‘chapando’. Aprendíame toda a teoría para o exame, soltábaa e despois
do mesmo xa non me acordaba de nada. Era un modo de estuda completamente
ineficaz para o meu coñecemento xa que esquecía todo o que memorizaba.
Desgraciadamente eu non era a única persoa que estaba nesta situación. Na miña
etapa educativa nunca tratamos na clase ningún tipo de maneira de estudo e é
por iso que foi anos máis tarde (concretamente na época universitaria) cando
descubrín que era moito máis útil reproducir o estudado coas miñas palabras.
Outra tarefa que forma parte da labor do titor é a de levar a avaliación do
curso. É o/a encargado/a de preguntar que tal van os alumnos noutras materias,
a súa evolución, se soben a nota ou a baixan, etc. Así, cando un pai ou nai
solicite unha titoría, o docente terá toda a información preparada para
transmitirlla ós pais. Ó mesmo tempo, nos casos nos que algún estudante necesite
axuda, o titor ou titora terá que poñerse en contacto con orientación para que
lle axude a solventalo. En orientación poden axudarlle a como facer
un exame, como explicar a lección a ese rapaz ou rapaza, etc. Tamén é certo que non hai suficiente número de
orientadores en cada centro e ás veces hai algúns problemas que quedan pouco
atendidos. Isto non debería ser así xa que todo o alumnado é igual de importante e, polo tanto, o número de orientadores debería ser o suficiente
para que todos os alumnos que o necesiten estean ben atendidos.
Por outra banda encontramos as medidas de atención á diversidade, algo tan importante para que ninguén quede sen ter a
oportunidade de recibir unha educación. As medidas que se poden tomar poden ser
ordinarias, cando non hai unha gran alteración do currículo, ou extraordinaria,
no caso de que si se teña que facer. Eu creo que se teñen que facer as
modificacións necesarias en cada caso para que todo o alumnado poida ter unha
educación adecuada. En todos os centros debería haber máis recursos para que se
puidesen axudar a todos os casos no que se precisase algún tipo de axuda, xa
fose por dificultades de aprendizaxe, altas capacidades, etc. Un aspecto
tratado no tema que descoñecía foi a opción de PMAR que consta de dous cursos
académicos. Con respecto os seus obxectivos, creo que estes son moi positivos
xa que prentenden evitar o absentismo, o abandono escolar temperá para que así
todo o mundo poida ter o título da ESO.
Por outra banda, os programas de auxiliar de conversación son de gran utilidade para gañar experiencia no mundo do
ensino á vez que se perfecciona unha lingua. Creo que todo o mundo que teña
unha oportunidade debería solicitar este tipo de programas. Persoalmente
soliciteino para o ano que ven e teño moitas ganas de que mo concedan. Ter un
auxiliar de conversación resulta moi interesante e motivador para os estudantes
xa que poden practicar a lingua cunha persoa nativa e iso é sempre moi
atractivo. Eu cando estaba no instituto tivéramos un auxiliar de conversación e
a maioría do alumnado soltábase máis a falar e a intervir. Ó mesmo tempo o
auxiliar non só está para a práctica oral senón que tamén pode tratar temas da
cultura do seu país de orixe. Deste xeito acontece un intercambio cultural na
aula moi enriquecedor para o estudantado. Así, o auxiliar tamén axuda á
planificación das clases mais sempre coa supervisión do/a docente titular xa
que o auxiliar non se pode deixar so en ningún momento. Outra cousa que ten que
ter en mente o auxiliar é que a hora de falar ten que baixar a velocidade e
pronunciar máis claro. Isto é debido a que non está falando con nativos do seu
idioma e ás veces pode resultar difícil entendelo. Cando tivemos o auxiliar na
miña clase, ás veces falaba un pouco rápido
o profesor titular tiña que dicirlle que falase máis a modo xa que non
lle entendíamos.
Outro aspecto que era descoñecido antes de entrar ó máster era a
metodoloxía AICLE. Esta metodoloxía é un enfoque educativo o cal utiliza un
idioma adicional para a ensinanza e aprendizaxe. O docente imparte a clase na
lingua estranxeira e non na lingua nativa do alumno. Este metodoloxía, na miña
opinión, é moi chamativa xa que busca unha relación coa sociedade na que viven e
non reproduce unha teoría co único fin de aprobar un exame. Tamén atende á
diversidade e ós diferentes ritmos de aprendizaxe, algo de vital importancia xa
que as clases non son para nada homoxéneas. A hora de dar unha clase, como é
nunha lingua estranxeira, hai que asegurarse de que o alumnado entenda o
vocabulario para así entender as explicacións. Polo tanto é moi importante
introducilo primeiro para que o alumnado se familiariza con el. Ó mesmo tempo,
e sobre todo nos niveis máis baixos, pode mesturarse o idioma nativo co idioma
estranxeiro para que resulte máis fácil de seguir a clase. Non importan os
erros que se poidan cometer, senón que o máis importante é que a xente fale e
poña en práctica a lingua. Outra cousa a ter en conta é que hai que ter
expectativas realistas. Non se pode esixir algo que non se adecúe ó nivel do
alumnado xa que están a aprender unha materia nova nunha lingua que non é a
deles.
Con respecto as actividades, a primeira que fixemos foi en grupo (fíxena
con Sara Otero e Manuel Bea). Aínda que a titoría non está destinada a dar
clase, si que se poden tratar temas culturais das linguas estranxeiras, e disto
trataba a actividade: fomentar a LE. Nos escollemos unha actividade que
pensamos que funcionaría moi ben. A tarefa tería lugar no día do libro e
consistiría en relacionar a literatura inglesa (Shakespeare), española (Lope de
Vega) e galega (Rosalía de Castro) con outras disciplinas. Cada autor dará pé a
que se fale dun tema transversal. No caso do autor inglés usarase a obra de
Romeo e Julieta e falarase do amor, relacións tóxicas, etc. No de Lope de Vega
emplearase Fuenteovejuna para falar da unión do pobo e por último, coa autora
galega e a súa obra Cantares Gallegos, pretenderas tratar o tema da inmigración e preservación das culturas e pobos. Esta actividade resultou de moita
utilidade xa que puidemos poñer en práctica unha posible actividade para a hora
de titoría no caso de que nun futuro sexamos titores.
Outra actividade que pareceume moi interesante foi na que se trataron as
siglas relativas á atención á diversidade. É moi necesario sabelas xa que son
de uso común nos centros educativos. Algunhas xa as coñecía como é o caso de DA
(Déficit de Atención) mais outras eran totalmente descoñecidas como PGS
(Programa de Garantía Social) ou ATE (Auxiliar Técnico Educativo).
A actividade sobre a metodoloxía AICLE, feita con Sara Otero e Manuel Bea,
foi de gran axuda para entender e profundizar máis neste enfoque. Para esta
actividade tivemos que crear unha actividade para as 5 Cs (Comunidade, Contido,
Comunicación, Cognición, Competencias). Como é unha metodoloxía
interdisciplinar, o mesmo aspecto pódese tratar desde as distintas materias, e
nós eliximos tratar o sol desde a materia de bioloxía. Polo tanto, a actividade
creada tratará as 5 Cs previamente citadas. Na Comunidade tratará sobre o papel
do sol na vida humana, animal e vexetal; no Contido os procesos biolóxicos que
suceden grazas ó sol, a adquisición de vitaminas ou a enerxía que proporcionan
(tamén máquinas que se usan para almacenala); na Comunicación centrarase
principalmente no presente simple xa que son feitos constatables na natureza;
na Cognición levarase a cabo, entre outras, escribir, identificar, explicar,
xustificar, comparar, etc.; e finalmente nas Competencias, o alumnado será
capaz de describir e entender os beneficios da luz solar e os procesos que
ocorren grazas a ela. Nesta actividade tamén se tivo que incluír ó auxiliar de
conversación e, aproveitando que era de California, fixo una presentación de
que e como se usan os paneis solares.
Finalmente, este tema resultou ser moi útil para gañar coñecementos
relativos á labor dun titor, a saber máis sobre un auxiliar de conversación e á
metodoloxía CLIL os cales van ser moi útiles na nosa labor coma docentes.
Moitas grazas!