miércoles, 28 de noviembre de 2018

Tema 1: La enseñanza de lenguas en el presente modelo educativo, nacional y autonómico.

Ola a todos e todas!

Nesta primeira entrada gustaríame tratar o que me pareceu interesante das clases nas que se tratou o tema un titulado: A ensinanza de linguas no presente modelo educativo, nacional e autonómico. Polo tanto, este tema trata sobre as linguas estranxeiras tanto en Galicia como en España desde a perspectiva da educación obrigatoria, post-obrigatoria e de réxime especial.

Un tema que creo que ten moita importancia e que se debe tratar na clase é os cambios de lexislación polos que pasa a educación no noso país. Esta sufriu modificacións antes e durante o réxime franquista e despois da instauración da democracia. Todos os novos plans en materia de educación engaden ou suprimen algún aspecto que a anterior lei propuxera. Así, as etapas escolares e as súas idades correspondentes, as probas a realizar despois de cada etapa, os contidos, os obxectivos o trato que reciben as linguas estranxeiras vense modificados. Así, a historia e o pasado poden ser a mellor maneira de aprender e mellorar o curso dun país, xa que neles se mostran as cousas que se fixeron ben e funcionaron e as que se fixeron mal e fracasaron. Polo tanto, a historia e o pasado hai que telos de man para así evitar os erros, aprender deles e centrarse nos acertos e seguir mellorándoos. Sen embargo, paréceme un desacerto moi grave que se modifiquen as leis educativas sen ter en conta a anterior tendo en conta o que resultou positivo para e o que non.




O feito de que haxa unha gran cantidade de cambios en curtos períodos de tempo é un aspecto negativo para a educación, xa que non se para de avanzar e logo retroceder. Cando non hai nada fixo e se está modificando continuamente un aspecto tan importante como a educación non hai avances. A clase política tería que poñerse de acordo no que respecta á materia de educación xa que é un pilar para o avance dun país. A educación é uns dos primeiros aspectos ós que hai que darlle importancia xa que o futuro dun país depende dela, e hai que deixar atrás reformas por cuestións políticas e centrarse no que verdadeiramente é importante: formar ás novas xeracións. Non se pode xogar coa educación porque se está xogando co futuro dos estudantes. Sen embargo, isto non quere dicir que non se modifique nunca. Tanto a sociedade coma a xente está en constante cambio e polo tanto hai que adecuar a educación a eses cambios que poidan xurdir. Polo tanto, os cambios sempre son benvidos se se fan desinteresadamente para a mellora da educación e non por cuestións políticas, xa que, como comentei con anterioridade, hai que adaptar a educación ás novas xeracións, senón quedaría obsoleta e sería un fracaso.

Tamén na clase se realizan actividades en grupo. Unha actividade que me chamou a atención foi a primeira que tivo lugar. Foi unha actividade que persoalmente penso incluír cando sexa docente. Pareceume de gran utilidade. Esta actividade foi unha presentación un por un do alumnado. Cada alumno falou acerca dos estudos que fixera xa fose un grado, un máster ou un doctorado. Tamén comentamos se estudamos fóra e onde, que linguas demos na carreira, por qué facíamos o máster de profesorado e cales eran os nosos plans de futuro. Con esta presentación a profesora pretendía coñecer ó seu alumnado un pouco mellor, saber a nosa procedencia académica e os nosos plans de futuro. O mesmo tempo, con este tipo de presentacións achégase o alumnado e o profesorado e créase un ambiente de máis confianza. Este aspecto é moi positivo para a aprendizaxe. En moitas ocasións onde o profesor ou profesora está distante dos seus alumnos, estes non se sinten cómodos á hora de preguntarlle as dúbidas que teñan, o que repercute na súa aprendizaxe. Polo tanto, nun ambiente con máis confianza isto non pasa.

No medio da explicación do tema un houbo un debate e un intercambio de opinións entre a clase sobre as linguas estranxeiras e as correspondentes leis educativas que as modifican. Varias persoas da clase deron a súa opinión sobre este tema, as linguas estranxeiras, e como estas son abordadas polo sistema educativo erroneamente en moitas ocasións. Por exemplo, unha compañeira dixo que un dos propósitos que ten para o futuro e crear un colexio completamente diferente ó que existe hoxe en día, cunha metodoloxía nova onde se dará importancia a moitos aspectos ós que actualmente non. Con respecto a este tema eu creo que ten que haber unha modificación na ensinanza das linguas estranxeiras xa que pasamos a nosa vida académica (infantil, primaria, ESO e Bacharelato) estudando inglés e, cando acabamos a última etapa, a maior parte do alumnado non ten un nivel aceptable. Ademais, en relación ó debate, eu engadín un comentario sobre a miña experiencia. Creo que debería darse máis importancia á parte oral nas aulas, xa que as explicacións no instituto céntranse moito na gramática e pouco en falar. Como non se da moita importancia, o alumnado en xeral non ten capacidade para entender e expresarse e cando había un profesor que falaba en inglés, os alumnos pedíamoslle que falase en castelán porque non entendíamos. Era unha pescadilla que se mordía a cola.

Finalmente, este tipo de actividades, o debate, etc. son moi beneficiosas para o alumnado por moitos motivos. No caso dos debates todo o mundo ten a oportunidade de expresar a súa opinión, o que fai que a persoa síntase parte da clase. Aparte, escoitar máis opinións doutros compañeiros abre a mente xa que un escoita novos enfoques ás linguas estranxeiras e á súa aplicación na educación. Ademais, agora que estamos estudando para ser profesores e profesoras temos que unir as nosas forzas para facer dos institutos un lugar mellor onde se dea prioridade á aprendizaxe e á mellora da educación pouco a pouco.


Un saúdo e ata a próxima. 


4 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Ola Miguel!

    Estou de acordo contigo no que comentas sobre as continuas reformas das leis referentes ao sistema educativo. É certo que é necesario levar a cabo reformas co fin de mellorar a educación das novas xeracións, pero é primordial que, efectivamente, estas reformas teñan lugar con dito obxectivo, e non sucedan por cuestións políticas, xa que de ser así continuará sen producirse mellora ningunha.
    Tamén gustoume o que comentas sobre o exercicio para coñecernos mellor e promover un ambiente de confianza na aula. Dende a miña opinión, fomentar este ambiente nas aulas é moi necesario, xa que, por exemplo no caso da secundaria, o alumnado pasa na escola unha gran parte do seu tempo, polo que é importante que se sinta a gusto e seguro.

    Unha entrada moi interesante!
    Iria.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  4. Ola compañeiro!

    Tal como expresaches no meu blog, temos puntos de vista moi semellantes sobre este tema. Como ti ben dis, a educación é un piar moi importante na sociedade que ten que ir avanzando e modificándose, pero sen atender a intereses politicoeconómicos.
    Respecto ás actividades realizadas na aula, considero que foron moi beneficiosas para nós, permitíronnos expresarnos con liberdade, coñecernos mellor e aprender os/as uns/unhas dos/as outros/as.

    Grazas polo teu comentario!
    Un saúdo!

    ResponderEliminar