miércoles, 28 de noviembre de 2018

Tema 1: La enseñanza de lenguas en el presente modelo educativo, nacional y autonómico.

Ola a todos e todas!

Nesta primeira entrada gustaríame tratar o que me pareceu interesante das clases nas que se tratou o tema un titulado: A ensinanza de linguas no presente modelo educativo, nacional e autonómico. Polo tanto, este tema trata sobre as linguas estranxeiras tanto en Galicia como en España desde a perspectiva da educación obrigatoria, post-obrigatoria e de réxime especial.

Un tema que creo que ten moita importancia e que se debe tratar na clase é os cambios de lexislación polos que pasa a educación no noso país. Esta sufriu modificacións antes e durante o réxime franquista e despois da instauración da democracia. Todos os novos plans en materia de educación engaden ou suprimen algún aspecto que a anterior lei propuxera. Así, as etapas escolares e as súas idades correspondentes, as probas a realizar despois de cada etapa, os contidos, os obxectivos o trato que reciben as linguas estranxeiras vense modificados. Así, a historia e o pasado poden ser a mellor maneira de aprender e mellorar o curso dun país, xa que neles se mostran as cousas que se fixeron ben e funcionaron e as que se fixeron mal e fracasaron. Polo tanto, a historia e o pasado hai que telos de man para así evitar os erros, aprender deles e centrarse nos acertos e seguir mellorándoos. Sen embargo, paréceme un desacerto moi grave que se modifiquen as leis educativas sen ter en conta a anterior tendo en conta o que resultou positivo para e o que non.




O feito de que haxa unha gran cantidade de cambios en curtos períodos de tempo é un aspecto negativo para a educación, xa que non se para de avanzar e logo retroceder. Cando non hai nada fixo e se está modificando continuamente un aspecto tan importante como a educación non hai avances. A clase política tería que poñerse de acordo no que respecta á materia de educación xa que é un pilar para o avance dun país. A educación é uns dos primeiros aspectos ós que hai que darlle importancia xa que o futuro dun país depende dela, e hai que deixar atrás reformas por cuestións políticas e centrarse no que verdadeiramente é importante: formar ás novas xeracións. Non se pode xogar coa educación porque se está xogando co futuro dos estudantes. Sen embargo, isto non quere dicir que non se modifique nunca. Tanto a sociedade coma a xente está en constante cambio e polo tanto hai que adecuar a educación a eses cambios que poidan xurdir. Polo tanto, os cambios sempre son benvidos se se fan desinteresadamente para a mellora da educación e non por cuestións políticas, xa que, como comentei con anterioridade, hai que adaptar a educación ás novas xeracións, senón quedaría obsoleta e sería un fracaso.

Tamén na clase se realizan actividades en grupo. Unha actividade que me chamou a atención foi a primeira que tivo lugar. Foi unha actividade que persoalmente penso incluír cando sexa docente. Pareceume de gran utilidade. Esta actividade foi unha presentación un por un do alumnado. Cada alumno falou acerca dos estudos que fixera xa fose un grado, un máster ou un doctorado. Tamén comentamos se estudamos fóra e onde, que linguas demos na carreira, por qué facíamos o máster de profesorado e cales eran os nosos plans de futuro. Con esta presentación a profesora pretendía coñecer ó seu alumnado un pouco mellor, saber a nosa procedencia académica e os nosos plans de futuro. O mesmo tempo, con este tipo de presentacións achégase o alumnado e o profesorado e créase un ambiente de máis confianza. Este aspecto é moi positivo para a aprendizaxe. En moitas ocasións onde o profesor ou profesora está distante dos seus alumnos, estes non se sinten cómodos á hora de preguntarlle as dúbidas que teñan, o que repercute na súa aprendizaxe. Polo tanto, nun ambiente con máis confianza isto non pasa.

No medio da explicación do tema un houbo un debate e un intercambio de opinións entre a clase sobre as linguas estranxeiras e as correspondentes leis educativas que as modifican. Varias persoas da clase deron a súa opinión sobre este tema, as linguas estranxeiras, e como estas son abordadas polo sistema educativo erroneamente en moitas ocasións. Por exemplo, unha compañeira dixo que un dos propósitos que ten para o futuro e crear un colexio completamente diferente ó que existe hoxe en día, cunha metodoloxía nova onde se dará importancia a moitos aspectos ós que actualmente non. Con respecto a este tema eu creo que ten que haber unha modificación na ensinanza das linguas estranxeiras xa que pasamos a nosa vida académica (infantil, primaria, ESO e Bacharelato) estudando inglés e, cando acabamos a última etapa, a maior parte do alumnado non ten un nivel aceptable. Ademais, en relación ó debate, eu engadín un comentario sobre a miña experiencia. Creo que debería darse máis importancia á parte oral nas aulas, xa que as explicacións no instituto céntranse moito na gramática e pouco en falar. Como non se da moita importancia, o alumnado en xeral non ten capacidade para entender e expresarse e cando había un profesor que falaba en inglés, os alumnos pedíamoslle que falase en castelán porque non entendíamos. Era unha pescadilla que se mordía a cola.

Finalmente, este tipo de actividades, o debate, etc. son moi beneficiosas para o alumnado por moitos motivos. No caso dos debates todo o mundo ten a oportunidade de expresar a súa opinión, o que fai que a persoa síntase parte da clase. Aparte, escoitar máis opinións doutros compañeiros abre a mente xa que un escoita novos enfoques ás linguas estranxeiras e á súa aplicación na educación. Ademais, agora que estamos estudando para ser profesores e profesoras temos que unir as nosas forzas para facer dos institutos un lugar mellor onde se dea prioridade á aprendizaxe e á mellora da educación pouco a pouco.


Un saúdo e ata a próxima. 


lunes, 26 de noviembre de 2018

Dosier Tema 5: O deseño curricular


Benvidos a todos e todas a unha nova entrada!

Esta entrada de Dosier tratará sobre as actividades relacionadas que se fixeron con respecto ó tema 5. Primeiramente, fixemos unha actividade en pirámide como introdución da clase. Es tipo de actividades consisten en poñer en común en grupos os teus coñecementos sobre un tema co resto de compañeiros. En primeiro lugar en parellas, logo en grupos de catro, logo en grupos de oito e por último toda a clase (éramos dezaseis). O tema no que versou esta actividade en pirámide foi o currículo, cales son os seus elementos e cales son as competencias básicas. Este tipo de actividades en pirámide resultan moi positivas para o alumnado xa que todo o mundo pode participar e, no caso de que alguén non saiba algo, pode ser axudado polo seu grupo ou polo resto da clase na posta en común final. Cando acabamos de poñer en común todo o falado (se escolleron os puntos que nos pareceran máis adecuados para a actividade), o profesor empezou a preguntar polo que se falou e a responder as cuestións que lle facía o estudantado. O profesor dirixe a actividade e está pendente en todo momento es qué momento estamos. Isto tamén é algo eficaz á hora da realización da actividade xa que no caso de ter algunha dúbida sempre o alumnado pode preguntar ó profesor.  

Outra actividade que se fixo na clase foi unha feita a través da aplicación Kahoot. Esta aplicación ten como finalidade tratar contidos dunha maneira máis atractiva e innovadora, o cal se agradece nas aulas, xa que o alumnado acábase desmotivándose se sempre se tratan os contidos de maneira mecánica e teórica. Esta aplicación permitiu facer unha competición entre todos os grupos formados para esta actividade, o cal demandaba unha maior atención xa que, a parte de que era unha competición, había un tempo específico para responder a cada pregunta. Cada grupo respondía á pregunta e despois de que acabara o tempo aparecían os resultados e en que posta estaba cada un. Ó mesmo tempo, como por cada pregunta hai un certo tempo para responder, este tipo de actividades realmente pon a proba o coñecemento de cada persoa e se esta sabe ou non a resposta. De non saber a contestación, o alumno sabe onde fallou e qué ten que repasar. Así, o profesor ten a opción de gardar as respostas e os resultados que deu o alumnado. Polo tanto, esta aplicación é unha boa ferramenta para o inicio dun tema ou ó final do mesmo para ver cal é o punto de partida do alumnado, para ver a progresión do mesmo ou para comprobar cómo resultou o proceso da aprendizaxe. Tamén na aplicación se pode recoller o feedback dos alumnos. Esta información tamén e moi importante para o profesorado para ver se o que está utilizando e de qué maneira é útil para o alumnado. Pódese saber así cómo funcionou a actividade. Con todo, resultou unha maneira diferente e orixinal de tratar os contidos e isto implica unha maior atención ó que conduce a unha maior aprendizaxe.



Despois da pausa abordouse outra actividade sobre o trato que reciben as linguas estranxeiras na LOMCE. Para esta actividade tamén fixéronse grupos, e a cada un asignáronse varios punto da actividade. Polo tanto, o primeiro de todo foi, dento do grupo, decidir que facía cada persoa do grupo. Unha vez feito, empezamos a buscar información para responder á cuestión que nos tocou. Unha complicación que xurdiu con respecto á compilación de información foi que, dependendo de que apartado, era un pouco difícil atopala debido á gran extensión dalgún documentos que se estaban empregando. Despois de que todo o mundo xuntara a información, cada grupo, en alto, compartiu co resto da clase o que puxo nos apartados que lle tocou cubrir. Posteriormente, o profesor aumentaba ese apartado cunha explicación. Isto resulta moi positivo, porque así non só se gañan coñecementos sobre o que lle tocou buscar a cada un, senón tamén das cuestións dos demais compañeiros e, coas explicacións do profesor, cada cuestión quedaba máis clara.  

Finalmente, tanto as actividades como os seus contidos resultan positivos para a nosa formación como docentes xa que debemos ter nocións da LOE, LOMCE, etc. e as aplicacións poden ser usadas na clase tamén para tratar os contidos. Temos sempre que estar ó tanto da lei educativa vixente xa que non se pode realizar na aula nada que non estea contemplado pola lei. Persoalmente, este tema e os seus contidos resultan de interese xa que non é algo que se trate con normalidade nas aulas no instituto ou nas materias da universidade.

Ata pronto!

Diario Tema 5: O deseño curricular


Benvidos a todos e todas a unha nova entrada!

Esta entrada de diario vai versar sobre os contidos do tema cinco que se tratan na clase. Nesta materia non só se tratan contidos a través das explicacións do profesor, senón que tamén se tratan  a través de maneiras máis innovadoras, interactivas e motivadoras como poden ser facer actividades en grupo ou mediante aplicacións online.

Un dos aspectos tratados neste tema cinco foron os elementos do currículo. Estes elementos son de vital importancia xa que son os que van determinar a educación que recibe o alumnado. Un destes elementos son as competencias do currículo. Con respecto a elas, creo que hai algunhas ás que se lle da máis importancia e outras quedan nun segundo plano como son a competencia social e cívica ou conciencia e expresións culturais. Polo que respecta á miña experiencia, na maioría de materias dábase máis importancia as demais e deixábanse un pouco de lado as competencias anteriormente citadas. Isto no quere dicir que non se lle dea importancia ós contidos, que son moi importantes tamén, pero nunca se debería esquecer educar ós alumnos sobre a realidade social na que se vive e ensinar a valorar as diferentes expresións culturais dun territorio. No que respecta á materia de inglés, eu creo que se deberían impartir máis horas, xa que saber un idioma vai ser de gran utilidade no futuro. Eu estou moi contento da decisión de ter estudado unha carreira de idiomas xa que agora podo viaxar e comunicarme, ver material en versión orixinal, ler en inglés, etc. Outro aspecto de suma importancia son as metodoloxías usadas na aula. Cando se emprega unha metodoloxía obsoleta o alumnado non presta atención e perde a motivación pola materia. Isto implica un empobrecemento para o alumnado con respecto á aprendizaxe desa materia e un esforzo en van para o profesor xa que os alumnos e alumnas non prestan atención. Por esta razón hai que incluír novas metodoloxías que capten a atención do alumnado e así conseguir que aprendan máis e mellor, non só que memoricen conceptos. A finalidade última debería ser que puidesen reter os conceptos aprendidos moito tempo e poder usalos no futuro.

Tamén se tratou na clase os grados de concreción curricular. Desde o primeiro ata o último debería ser en conta a calidade da educación, e non facer as leis, decretos, etc. por razóns políticas xa que isto o que crea é un deterioro paulatino da educación, algo inadmisible. A educación e un dos aspectos máis importantes do país e debería ser primordial mantela saudable. Con todo, no grado dos centros docentes, estes son moi importantes xa que son os que teñen a posibilidade de saber todos as particularidades que existen no centro educativo e así facer un proceso de educación completamente inclusivo.

Outro tema tratado foron as escolas de idiomas, excelente opción para aprender un idioma. As escolas de idiomas resultan moi positivas para aprender un idioma, xa que van nivel a nivel, o que fai a aprendizaxe moito máis sinxela. Isto non implica que non impartan suficiente nivel, todo o contrario, por cada curso os alumnos e as alumnas adquiren unha gran cantidade de coñecementos e habilidades nesa lingua que están estudando. Ademais, as escolas de idiomas son moito más accesibles economicamente que aprender un idioma nunha academia privada. Persoalmente asistín a escola de idiomas cursando alemán. O tempo que o estiven estudando aprendín moito e serviume para crear unha base antes de entrar na universidade. Así, as escolas de idiomas serven tanto de formación complementaria para unha lingua que se estea estudando no instituto, universidade, etc. como para a adquisición dun idioma unicamente nesa institución. Adicionalmente, co paso do tempo fóronse creando más escolas de idiomas en máis puntos xeográficos ó longo do territorio polo que é moi fácil ter acceso a unha.

As actividades e contidos que tratamos na clase teñen que ser incluídas nun blog, o cal conta un 50%. O blog é unha idea moi positiva xa que fai levar ós alumnos leven a materia ó día e non se deixe todo para o final. Ó levar a materia ó día pódense ir asimilando os contidos pouco a pouco e polo tanto estarán na cabeza máis tempo. Do contrario, esqueceríanse moito máis rápido. Así mesmo, ó ter que facer ó blog estamos poñendo en práctica a nosa competencia tecnolóxica, algo tan importante na actualidade xa que a tecnoloxía está presente en todos os ámbitos da nosa vida. Finalmente, hai moitas ferramentas para facer que os alumnos aprendan de maneira diferente e evitar que só “chapen” para o exame. Unhas destas ferramentas é precisamente o blog. A non existencia dun exame fai que o alumnado tome a materia cunha distinta filosofía coa que a tomaría de haber un exame final, xa non só se centran en aprobar senón tamén en aprender.

Ata a próxima entrada!